Museos e centros de interpretación
Centro de Interpretación Caldoval
Un proxecto museístico no concello coruñés de Mugardos, que destaca o xacemento romano descuberto na enseada de Santa Lucía. A día de hoxe son os únicos baños privados con palestra descubertos en todo o noroeste da Península Ibérica. Un complexo adicado á hixiene, á saúde, ao lecer, e probablemente tamén ao deporte. Balneum doméstico rural que formaba parte dunha villa a mare, habitada entre os séculos I e V d.C., en época do Imperio Romano. A través de visitas guiadas e obradoiros para grupos e familias, poderás descubrir como vivían e se coidaban os habitantes da Galicia romana. Aprenderás como funcionaban os baños; os usos e características de cada unha das estancias do circuíto térmico; a roupa que usan os bañistas; o que facían no seu tempo de lecer; os deportes que practicaban e as súas normas; os xogos de mesa e xogos de azar máis populares; e moitas outras cousas interesantes adaptadas a todas as idades e tipos de visitantes.