Mapa Turismo FerrolTerra

A LAGOA DA FROUXEIRA E ARREDORES

A LAGOA DA FROUXEIRA E ARREDORES

Este destino é ideal para os observadores de aves, sobre todo durante o inverno e as migracións, con especies únicas e abundantes.

Valdoviño é un dos lugares máis interesantes de Galicia para observar aves. O mellor momento para tentalo é durante o inverno e as migracións. Na lagoa é habitual ver bandos de limícolas durante o paso prenupcial, que coincide cos meses de abril e maio. Nesta época, se o vento sopra do Nordés, as aves vense na obriga de facer unha parada na súa viaxe cara ao norte e buscar un lugar onde alimentarse. O areal da Lagoa da Frouxeira é idóneo para iso, e poden xuntarse aquí grupos de miles de individuos, o que supón un espectáculo extraordinario. Ben entrado o inverno píldoras cincentas e os pilros tridáctilos e comúns concéntranse na praia. Tamén é un lugar importante para as anátidas, como os patos chupóns e patos cristados, os asubiadores e as cercetas. O pato frisado ten aquí una das poboacións nidificantes máis estables de Galicia. Garzas reais e garzotas son tamén habituais na lagoa, e xa con algo máis de sorte poden observarse durante a invernada avetouro e garzota grande. Entre as aves rapaces que poden verse en Valdoviño está o azor e o falcón peregrino, que cazan na lagoa ao longo de todo o ano. A tartaraña das xunqueiras é outro habitual nos meses de inverno. O amplo sistema dunar é hábitat de aves tan interesantes como a escribenta das neves ou a píldora dourada e as concentracións invernais de frinxílidos, bisbitas e lavercas son aquí moi notables. O cabo de Punta Frouxeira ofrece boas oportunidades para observar pardela cincenta, furabuchos balear, pentumeiro, palleira grande e mesmo álcidos como a alca ou o arao. Unha das aves máis importantes de Valdoviño é a escribenta das canaveiras. No inverno visítannos exemplares norteños (Emberiza s. shoeniclus), pero é a raza iberooccidental (Emberiza shoeniclus lusitanica), endémica da rexión e en perigo de extinción, a que ten maior relevancia. Unhas poucas parellas crían no carrizal da lagoa.